16 mayo, 2006

Respuesta a la carta al Presidente de la Xunta

A continuación transcribimos literalmente, la carta que nos enviaron desde la COTOP en respuesta a la carta entregada al Presidente, Sr. Touriño:





Xefe do Gabinete

XUNTA DE GALICIA
Consellería de Política Territorial,
Obras Públicas e Transportes.



Santiago de Compostela, 02 de maio de 2006



D. Emilio Manuel del Pazo Fernández
Presidente do Colectivo de propietarios afectados de San Pedro de Sárdoma



Estimado Sr. del Pazo:

Remito a presente para acusar recibo e dar resposta ó seu escrito de data 07/04/06 no que lle solicitaba unha entrevista ó Sr. Presidente da Xunta de Galicia, D. Emilio Pérez Touriño, coa intención de trasladarlle diversas consideracións e alegacións en relación ó documento de PXOM que actualmente estase a elaborar no Concello de Vigo así como a profunda preocupación que no Colectivo de propietarios afectados de San Pedro de Sárdoma produce a incertidume sobre as consecuencias que poidan derivar do mesmo.

En primeiro lugar debo informarlle que, se ben vostede remitiu o seu escrito ó Sr. Presidente da Xunta de Galicia, a súa oficina considerou que dadas as competencias que corresponden a esta Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, resultaría necesario comunicarnos as súas valoracións e atender dende a mesma ós seus plantexamentos, polo que lle escribo en nome da Sra. Conselleira, Dona María Xosé Caride Estévez.

Xunto a elo quixera trasladarlle que é intención do novo equipo de goberno desta Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, sinalada como preferente pola Sra. Conselleira, coñecer e atender todas aquelas consideracións, requirimentos ou suxestións que os cidadáns desexen propornos, no mais firme compromiso de ir avanzando, na medida en que o permitan as competencias asignadas a esta Consellería e os recursos financeiros dispoñibles, na resolución ou mellora das circunstancias e consideracións ás que, si mo permite, quixera realizar algún comentario.

Pois ben, en relación cos principios en materia de ordenación do territorio e urbanismo, comunícolle que é firme obxectivo pór en marcha unha política de urbanismo que manteña como referencia básica a defensa do noso patrimonio natural e a adecuación dos necesarios procesos de desenvolvemento económico e social, que a nosa Comunidade require, a esa defensa. Con esta filosofía de fondo, a Sra. Conselleira e o Director Xeral de Urbanismo teñen posto en marcha diversas iniciativas entre as que destacan as tendentes a replantexar a ordenación do territorio da nosa Comunidade, para o que se elaborarán as Directrices de Ordenación de Territorio de Galicia e o Plan Integrado do Litoral de Galicia e aquelas que buscan centrar a vixilancia e control do cumprimento da Legalidade Urbanística ou o proceso de revisión dos procedementos administrativos en tramitación que ten xerado, entre outras, a paralización das competencias urbanísticas dos municipios de Tui e Sada.

Xunto a elo, a liña de acción do departamento de planeamento urbanístico busca como elemento básico conseguir que os concellos da nosa Comunidade dispoñan de planeamento urbanístico actualizado e axustado ás necesidades do seu municipio e, ó mesmo tempo, escrupulosamente respectuoso coa legalidade vixente, así como combater as actuacións irregulares que, a máis de xerar inseguridade xurídica nos cidadáns e caos urbanístico, oen gardar relación con intereses particulares de colectivos e/ou persoas concretas e non co interese social ou colectivo que deben ser protexido pola legalidade.
Como poder ver, polo tanto, as liñas e obxectivos fixados para a acción deste goberno no eido do urbanismo pretenden avanzar nunha visión modernizadora da nosa Comunidade que debe reflexionar e acordar unha adecuada regulación dos usos do territorio que permitindo pór en práctica as iniciativas de desenvolvemento e progreso que a nosa sociedade require, as faga compatíbeis e axeitadas ó fundamental obxectivo da preservación do medio no que se asentan. En definitiva, buscando evitar que se poida repetir aquí a triste escenografía observada xa no litoral mediterráneo do noso país.

En todo caso, este conxunto de obxectivos debe inscribirse, como non poder ser doutro xeito, no marco do nivel de concienciación social existente en Galicia, logo dun extenso período anterior no que este tipo de preocupacións non foi en ningún caso subliñada polos xestores públicos, e do actual debuxo competencial establecido para as distintas Administracións Públicas no que son vaias as Administracións que deben coincidir nesta dinámica de traballo e homoxeneizala súa mensaxe (Administración Autonómica, Dirección Xeral de Costas do Estado e, sobre todo, Administración Local).´

Fai vostede referencia concreta ó PXOM que actualmente tramítase no Concello de Vigo e tamén aí quixera sinalarlle algunha consideración. En primeiro lugar, como vostede mesmo indica, este planeamento está aínda sendo desenvolto polo Concello, polo que nesta fase do trámite non procede inda posicionamento algún por parte desta Consellería. Unha vez aprobado polo Concello haberá de ser remitido á Dirección Xeral de Urbanismo que procederá, podo asegurarlle que con absoluta profesionalidade, á revisión do mesmo á luz da lexislación autonómica, visando o estrito cumprimento da mesma polo documento proposto. Así ademais de velar polo cumprimento da legalidade vixente, a Dirección Xeral de Urbanismo buscará garantir a adecuación do documento de PXOM ós principios de oferta de dotacións de servizos públicos á cidadanía (zonas verdes, parque públicos, equipamentos deportivos, educativos, redes de servizos, sistemas de depuración ...) e desenvolvemento sostible e conservación do noso medio natural que, entendemos, deben guiala actuación de todas as Administracións Públicas como garantes dun deseño urbano de máxima calidade para as xeracións actuais e futuras.

En todo caso, é claro que cando se planifica o futuro deseño da cidade é previsible que en torno ó proceso xurdan distintos posicionamentos, en favor, en contra ou propondo modificacións de diversa índole, en función dos lexítimos intereses que, de forma individual ou colectiva se considere que puidesen resultar afectados. Nembargantes, dende o respecto á defensa dos intereses que lle son propios a cada quén, a Administración Autonómica, legalmente, ten a obriga de velar polo interese xeral en cada momento buscando que, á hora de legalizar o planeamento proposto, este garanta o cumprimento da legalidade vixente así como a oferta adecuada de servizos públicos de calidade á cidadanía.

Como pode ver, polo tanto, as liñas e obxectivos fixados para a acción deste goberno no eido do urbanismo coinciden coas consideracións que entendo subxacen ó seu escrito e pretenden avanzar nunha visión modernizadora da nosa Comunidade que debe reflexionar e acordar unha adecuada regulación dos usos do territorio que, permitindo pór en práctica as iniciativas de desenvolvemento e progreso que a nosa sociedade require, as faga compatibles e axeitadas ó medio no que se asentan. Agora ben, debo tamén explicitar e subliñar que non é competencia deste Consellería de Política Territorial Obras Públicas e Transportes reelaborar ou reconstruír o PXOM, substituíndo a competencia municipal. Isto é, visado o documento recibido, aplicadas con precisión as competencias da Consellería, verificada a legalidade da proposta e a súa adecuación ós principios de viabilidade ambiental e desenvolvemento sostible, o modelo de cidade decídeo o municipio con independencia do maior ou menor agrado que na nosa posición de cidadáns nos poda producir. Este é o deseño competencial vixente e, por obriga legal e por convección, esta Consellería debe respectalo.

No seu escrito solicita vostede unha entrevista co fin de profundizar no contido das súas alegacións ó documento de PXOM. Sen embargo, rógolle entenda que a intensidade e complexidade da axenda da Sra. Conselleira fai, nestes primeiros compases da acción do novo goberno, verdadeiramente imposible atender en primeira persoa todas as solicitudes que temos recibido. Así mesmo, entendo que dado o memento actual do procedemento de elaboración de PXOM, non resultaría desexable ofrecer a impresión de pretender incidir ou alterar as competencias lexítimas outra administración. Con tal motivo, desgraciadamente, a Sra. Conselleira non vai poder atender a súa petición. En todo caso, teño xa confirmación de que o seu colectivo ten sido recibido pola Sra. Delegada Provincia, Dª Isabel Quintás Domínguez, polo que entendo que os seus plantexamentos con coñecidos por esta Consellería, que procederá a avalialos e estudalos. En todo caso, se considerán necesario engadir novas consideracións ou argumentos, non dubiden en contactar coa nosa Delegada Provincial.

Sen outro particular, agradecendo a súa preocupación e participación na mellora das nosas cidades e na defensa dun urbanismo de calidade e de servizos para os seus cidadáns e cidadás, asegurándolle de novo a revisión minuciosa e profesionalizada do documento de planeamento, unha vez sexa recibido, e trasladándolle a nosa firme convicción de ter iniciado entre todos un tempo novo para Galicia, reciba un afectuoso saúdo.



Asdo: Xóse Carlos Álvarez Villamarín.